viernes, 14 de abril de 2023

#hemeroteca #identidades | Xornada terceira: chámase galegofobia

As dúas Marías //
Xornada terceira: chámase galegofobia

Brigitte Vasallo · Xornal dun retorno | Praza, 2023-04-14

https://praza.gal/opinion/xornada-terceira-chamase-galegofobia 

O primeiro shock que tivo a catalanor comigo foi verme comer fillogas no patio do colexio de monxas. Premonitorio, foi o primeiro shock de moitos que ía levar a catalanor comigo, pois afortunadamente saíulles ra esta fillas de migrantes desagradecida, esta filla de migrantes esixente por enriba das súas posibilidades. “Las hijas de las criadas venidas a más” como dis a Juana Dolores, outra ra afortunada. Unha catalanor que, malia a quen lle pese, tamén é miña. Son a regras do xogo iste das identidades, e xúrovos que non as inventei eu.

Debía ter 5 ou 6 anos e na casa, nese consulado apócrifo de Chandrexa de Queixa en Barcelona, recibíramos sangue por correo. Este dato tería que comprobalo cos meus curmáns, mais agrádame tanto a idea, gardo con tanto agarimo esa memoria, que prefiro non arriscar a desmentila. Sexa como fora, eu recordo o paquete de correos, cartón e corda, dereito dende a matanza chegando á tristeza de Barcelona, á soidade de Barcelona, ulindo a aldea e a verán. O cofre do tesouro que contía as dúas xoias da coroa: os chourizos cebuleiros da tía Concha, os incomparables, e a botelliña de sangue, esa ambrosía. Para facer fillogas, ditas asi en queixalao, con “g” e sen geada.

Ese foi, a hora do almorzo no colexio de monxas, o primeiro shock que eu recorde que levaran comigo (seguro que houbo outros, porque 6 anos de vida dan para facer moito mal). Mais foi tamén a primeira implantación en min, que eu recorde, da vergonza da orixe, de ver nos ollos das compañeiras esa mirada de noxo, de reprobación, de superioridade, de exotismo cara unha orixe que tiña que ser escondida, disimulada para protexela a ela das miradas que a malentenden... e para protexerme a min do estigma que leva con ela.

Escribo isto porque empecei o dia atopándome de cara cun vídeo dos madrileños Carne Cruda que tentaba de ser retranqueiro sen saber que para retranca hai que valer, como para todo; o vídeo “celebraba” o aniversario da chegada de Feijoo a Madrid falando da emigración galega (sorpresa!) e facendo iste camiño: Feijoo, Rajoy, Franco como paradigma dos migrantes galegos a Madrid. Como vos quedades? A meirande parte dos comentarios ao vídeo eran, claro está, contra Galicia, pero é que a cousa estaba servida en bandexa.

A galegofobia, como outras fobias políticas, vai diso: trazar unha liña interesada entre as partes que serven ao discurso discriminador e facer delas un todo. Si hai que pasar por enriba dos miles de migrantes galegos que construíron Madrid, pásase e punto; si hai que pasar por enriba da colonización de Galicia por parte do Estado (España capital Madrid), pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Feijoo é un inimigo de Galicia que vendeu o territorio aos oligopolios eléctricos, pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Rajoy foi declarado ‘persona non grata’ en Pontevedra, pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Franco fixo un xenocidio en Galicia, nun Estado que está, aínda hoxe, negando a memoria histórica, pásase, que carallo! Pásese mentres choriqueamos pola memoria histórica sen entender que a revisión das relacións entre territorios, tamén dende o simbólico, forma parte de facer esa memoria histórica. Pásase por onde se teña que pasar para alimentar e beneficiarse do prexuízo.

Mentres que a fobia as arañas, as abellas ou aos aviós trátase coma unha reacción patolóxica do individuo, as fobias políticas son unha forma de violencia estrutural, na súa parte simbólica, cara un grupo humano feitas sempre, sempre, dende unha posición de poder. Non son reactivas, mais son a causa e o efecto da discriminación secular cara grupos concretos. Por eso non ten sentido falar de brancofobia por parte de grupos racializados senón de xenreira política coma reacción a séculos de violencia. Iso é outra cousa. Por iso non ten sentido falar de heterofobia cando poboacións ou individuos non heterosexuais estamos ata a cona (real ou figurada) de termar co sistema e aínda ter que aguantar políticas públicas paternalistas que nos victimizan en lugar de sinalar a quen xenera o problema. Menos educar nas escolas ao respecto das minorías de xénero e mais educar no pensamento crítico cara ao tinglado de xénero enteiriño, diría eu. Xa verías qué risa.

Non pensedes que falo dende un púlpito, dando un responso como dis meu primo Juan (el si sabe de retranca): aquela nena do patio de colexio que son eu, viviu moitos anos na galegofobia, exercéndoa tamén. Non hai dominación sen a complicidade dos dominados, como ben explicou Fanon. E aos dominados convéncesenos que somos culpables da nosa dominación. Desmontar iso é un traballo de media vida, desmontar e reparar, de deixar de rirlle as gracias ao amo, e chamarlle á cousa polo seu nome: é galegofobia.

E mandarlles os eólicos de retorno a Madrid: iso sí sería retranqueiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.