Mostrando entradas con la etiqueta H-Praza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta H-Praza. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de abril de 2023

#hemeroteca #identidades | Xornada terceira: chámase galegofobia

As dúas Marías //
Xornada terceira: chámase galegofobia

Brigitte Vasallo · Xornal dun retorno | Praza, 2023-04-14

https://praza.gal/opinion/xornada-terceira-chamase-galegofobia 

O primeiro shock que tivo a catalanor comigo foi verme comer fillogas no patio do colexio de monxas. Premonitorio, foi o primeiro shock de moitos que ía levar a catalanor comigo, pois afortunadamente saíulles ra esta fillas de migrantes desagradecida, esta filla de migrantes esixente por enriba das súas posibilidades. “Las hijas de las criadas venidas a más” como dis a Juana Dolores, outra ra afortunada. Unha catalanor que, malia a quen lle pese, tamén é miña. Son a regras do xogo iste das identidades, e xúrovos que non as inventei eu.

Debía ter 5 ou 6 anos e na casa, nese consulado apócrifo de Chandrexa de Queixa en Barcelona, recibíramos sangue por correo. Este dato tería que comprobalo cos meus curmáns, mais agrádame tanto a idea, gardo con tanto agarimo esa memoria, que prefiro non arriscar a desmentila. Sexa como fora, eu recordo o paquete de correos, cartón e corda, dereito dende a matanza chegando á tristeza de Barcelona, á soidade de Barcelona, ulindo a aldea e a verán. O cofre do tesouro que contía as dúas xoias da coroa: os chourizos cebuleiros da tía Concha, os incomparables, e a botelliña de sangue, esa ambrosía. Para facer fillogas, ditas asi en queixalao, con “g” e sen geada.

Ese foi, a hora do almorzo no colexio de monxas, o primeiro shock que eu recorde que levaran comigo (seguro que houbo outros, porque 6 anos de vida dan para facer moito mal). Mais foi tamén a primeira implantación en min, que eu recorde, da vergonza da orixe, de ver nos ollos das compañeiras esa mirada de noxo, de reprobación, de superioridade, de exotismo cara unha orixe que tiña que ser escondida, disimulada para protexela a ela das miradas que a malentenden... e para protexerme a min do estigma que leva con ela.

Escribo isto porque empecei o dia atopándome de cara cun vídeo dos madrileños Carne Cruda que tentaba de ser retranqueiro sen saber que para retranca hai que valer, como para todo; o vídeo “celebraba” o aniversario da chegada de Feijoo a Madrid falando da emigración galega (sorpresa!) e facendo iste camiño: Feijoo, Rajoy, Franco como paradigma dos migrantes galegos a Madrid. Como vos quedades? A meirande parte dos comentarios ao vídeo eran, claro está, contra Galicia, pero é que a cousa estaba servida en bandexa.

A galegofobia, como outras fobias políticas, vai diso: trazar unha liña interesada entre as partes que serven ao discurso discriminador e facer delas un todo. Si hai que pasar por enriba dos miles de migrantes galegos que construíron Madrid, pásase e punto; si hai que pasar por enriba da colonización de Galicia por parte do Estado (España capital Madrid), pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Feijoo é un inimigo de Galicia que vendeu o territorio aos oligopolios eléctricos, pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Rajoy foi declarado ‘persona non grata’ en Pontevedra, pásase; si hai que pasar por enriba do feito que Franco fixo un xenocidio en Galicia, nun Estado que está, aínda hoxe, negando a memoria histórica, pásase, que carallo! Pásese mentres choriqueamos pola memoria histórica sen entender que a revisión das relacións entre territorios, tamén dende o simbólico, forma parte de facer esa memoria histórica. Pásase por onde se teña que pasar para alimentar e beneficiarse do prexuízo.

Mentres que a fobia as arañas, as abellas ou aos aviós trátase coma unha reacción patolóxica do individuo, as fobias políticas son unha forma de violencia estrutural, na súa parte simbólica, cara un grupo humano feitas sempre, sempre, dende unha posición de poder. Non son reactivas, mais son a causa e o efecto da discriminación secular cara grupos concretos. Por eso non ten sentido falar de brancofobia por parte de grupos racializados senón de xenreira política coma reacción a séculos de violencia. Iso é outra cousa. Por iso non ten sentido falar de heterofobia cando poboacións ou individuos non heterosexuais estamos ata a cona (real ou figurada) de termar co sistema e aínda ter que aguantar políticas públicas paternalistas que nos victimizan en lugar de sinalar a quen xenera o problema. Menos educar nas escolas ao respecto das minorías de xénero e mais educar no pensamento crítico cara ao tinglado de xénero enteiriño, diría eu. Xa verías qué risa.

Non pensedes que falo dende un púlpito, dando un responso como dis meu primo Juan (el si sabe de retranca): aquela nena do patio de colexio que son eu, viviu moitos anos na galegofobia, exercéndoa tamén. Non hai dominación sen a complicidade dos dominados, como ben explicou Fanon. E aos dominados convéncesenos que somos culpables da nosa dominación. Desmontar iso é un traballo de media vida, desmontar e reparar, de deixar de rirlle as gracias ao amo, e chamarlle á cousa polo seu nome: é galegofobia.

E mandarlles os eólicos de retorno a Madrid: iso sí sería retranqueiro.

miércoles, 7 de marzo de 2018

#hemeroteca #mujeres #universidades | Asembleas de traballadoras e estudantes estenden a folga do 8M na universidade

Imagen: Praza / Mujeres de la Universidade de Santiago de Compostela apoyando la Huelga Feminista
Asembleas de traballadoras e estudantes estenden a folga do 8M na universidade.
Marcos Pérez Pena | Praza Pública, 2018-03-07

http://praza.gal/movementos-sociais/16191/asembleas-de-traballadoras-e-estudantes-estenden-a-folga-do-8m-na-universidade/

A universidade será un dos lugares nos que a folga xeral de mulleres deste xoves terá un maior impacto. Non só por tratarse dun espazos máis feminizados (máis do 60% do alumnado son mulleres, máis da metade do persoal de administración e servizos, máis do 40% do persoal docente e investigador), senón porque tanto alumnas como traballadoras levan tempo organizándose para levar a cabo os paros estudantil e laboral convocados.

Este luns constituíuse en Compostela unha Asemblea de mulleres traballadoras da USC, que acordou sumarse ao paro do 8 de marzo, facendo un chamamento a todas as mulleres da USC a sumarse á folga de 24 horas, laboral, de coidados e de consumo. A Asemblea reiterou que "temos plena cobertura legal para secundar a folga de 24 horas" e sinalou que "diante das dúbidas suscitadas polas informacións diversas, e en ocasións ambiguas, que parecen dar a entender que só están legalmente convocados os paros de dúas horas por quenda" procedeu a consultalo coa Xerencia da USC, "quen confirmou a plena legalidade e aplicabilidade na USC da folga de 24 horas". A Asemblea está a animar tamén aos traballadores varóns para que apoien o paro "a través das medidas que o Movemento Feminista está a propoñer para tal fin" e colabora coa Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC de cara ás mobilizacións.

Outro dos acordos adoptados foi acudir ao acto institucional que a USC celebra o 7 de marzo, ás 11 horas, no Salón Nobre de Fonseca "con ‘pegatinas’ que nos permitan utilizar ese foro para estender o chamamento á folga". E, igualmente, participar na concentración (12 horas, Praza Roxa) e manifestación (20 horas, Praza Oito de Marzo) convocadas en Compostela o 8 de marzo.

Finalmente, a Asemblea aprobou un ‘Manifesto das mulleres traballadoras da USC’ que destaca que "A USC para coa folga feminista porque somos maioría. A USC para porque as mulleres que traballamos nela sufrimos o mesmo machismo que no resto dos sectores laborais e sociais", salientando o teito de cristal que dificulta os ascensos (só hai un 22% de catedráticas, por exemplo), a ausencia de conciliación real "que prexudica máis ás mulleres" ou o acoso sexual e laboral, denunciando que "nos últimos tempos na universidade teñen sido coñecidos xa demasiados casos de homes que se senten no dereito de 'importunarnos' cos seus comentarios".

O texto subliña que "durante estes últimos anos, a maioría estivemos adormecidas, centradas no noso traballo diario cheo de cumprimentos de prazos, burocracia, exames, precariedade laboral, procesos de estabilización e promoción, etc. Por iso a nosa universidade deixou de ser a vangarda e o referente no pensamento e reivindicación feminista". "A folga ten que servir de catalizador para reactivarnos, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base, non para liderala senón para ser parte dela e non quedar fóra da revolución deste século", engade.

As demandas das estudantes da USC
A Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC pídelle pola súa banda ao profesorado da universidade que teña en conta o dereito do alumnado a folga, facilitando o cambio de sesións ou prácticas e dando outras opcións para realizalas noutro momento no caso de ser obrigatorias. O estudantado realiza unha serie de reivindicacións específicas, que se unen ás motivacións xerais da folga laboral e de coidados. Entre outras cousas, pídese "establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas". Tamén mellorar a seguridade nos Campus para previr casos de agresións.

Demándase "introducir a perspectiva de xénero en todas as asignaturas, ademais dunha materia específica de Xénero". Reclámase "promover a paridade nos órganos de goberno da comunidade educativa". Tamén facilitar a conciliación laboral e familiar das estudantes ou "poñer produtos de hixiene feminina a disposición das estudantes". Igualmente, pídese "analizar de forma crítica" a masulinización das carreiras técnicas e a feminización daquelas relacionadas cos coidados". Critícase tamén o teito de cristal que existe na Universidade; "somos maioría nas aulas, pero minoría nas Cátedras e no campo da Investigación".

Organización tamén na Universidade de Vigo
Profesorado, PAS e estudantes da Universidade de Vigo adoptaron tamén unha serie de acordos en asemblea, comezando polo apoio expreso á folga de 24 horas para este 8 de marzo, recomendando que no caso de non poder facer folga de 24 horas se opte cando menos polo paros parciais de dúas horas por quenda. A Asemblea anima a participar en todas as mobilizacións feministas programadas e convocou así mesmo unha concentración no Campus Lagoas-Marcosende diante da Reitoría ás 12 horas deste xoves; no acto, aberto a toda a comunidade universitaria, pídeselles ás e aos participantes que leven "tuppers e cacerolas para facer moito ruído".

Ademais, a Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo aprobou a pasada semana un comunicado apoiando a folga do 8M que considera que "a folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza". E que entende que "o sistema patriarcal actual favorece múltiples discriminacións contra as mulleres, sendo a máis grave a violencia machista, polo que as reivindicacións e as razóns polas que se convoca a folga feminista son xustas e están perfectamente lexitimadas". O texto lembra que "o sistema educativo é transmisor de estereotipos de xénero que xeneran as desigualdades" e que a Universidade "debe ser unha institución comprometida co progreso social e responsable da promoción de valores igualitarios para acadar sociedades máis democráticas e xustas".