jueves, 22 de agosto de 2024

#hemeroteca #inmemoriam | A cultura e o nacionalismo choran a morte de Marcos López: "Unha das persoas máis inspiradoras e talentosas que eu coñecín"

Marcos López López //

A cultura e o nacionalismo choran a morte de Marcos López: "Unha das persoas máis inspiradoras e talentosas que eu coñecín"

As persoas que máis o coñecían describen López como un profesional polivalente e un compañeiro alegre e sempre colaborador.
Ricardo Suárez | Nós Diario, 2024-08-22
https://www.nosdiario.gal/articulo/social/nacionalismo-chora-morte-marcos-lopez-das-persoas-mais-inspiradoras-mais-talentosas-que-eu-conecin/20240822124758205307.html

"A perda de Marcos deixa unha enorme ferida en min e aínda hoxe sigo consternada. Vaise un amigo, un compañeiro, unha persoa cun inmenso corazón e unha grande intelixencia e sentido do humor", sinalou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións a ‘Nós Diario’, sobre a morte do polivalente Marcos López. "Amou Galiza, a súa xente e abrazou a defensa das causas xustas e a liberdade. Vaise unha persoa inmensa", engadiu Pontón, que compartiu militancia con López en Sarria (comarca homónima).

O BNG de Sarria tamén mostrou esta cuarta feira o seu fondo pesar pola morte de Marcos López. "Hoxe é un día moi duro para todos e todas no BNG de Sarria. Fóisenos sen agardalo e demasiado pronto un bo e xeneroso. Que a terra che sexa leve compañeiro", expresaba a formación municipal nas súas redes sociais.

Ana Pontón / X, 2024-08-22 /
Pasaron máis de 30 anos desta foto. Cóstame pensar que Marcos non estará co seu sorriso e o seu sentido do humor. Grazas por todo o vivido, por todo o compartido e por todo o que nos temos rido. Aquí botarémoste en falta amigo.
Xa de moi mozo, no ano 2004, Marcos López pasou a formar parte do Consello Local do BNG de Sarria. Neste sentido, "era querido por ser bo e xeneroso, alegre e sempre colaborador, sempre cariñoso, lúcido, lucido e traballador", expresaba en redes sociais a súa compañeira de formación, Tereixa Novo (integrante do famoso grupo Fuxan os ventos). "Non teño palabras, só dor e lágrimas", engadía a militante nacionalista.

As persoas que máis o coñecían describen López como un profesional "polivalente", quen ademais gardaba unha relación especial con Pontevedra, onde desenvolvía actualmente a súa actividade profesional. "Unha das persoas máis inspiradoras e máis talentosas que eu coñecín", sinala a Nós Diario a concelleira e membro do Goberno municipal da cidade do Lérez, Anabel Gulías.

Traballando desde un segundo plano e dunha forma sempre discreta, López estivo presente en boa parte dos proxectos editoriais máis importantes da Galiza, como é o caso de Kalandraka ou OQO, así como na organización dos Premios Feroz. Ademais, tamén destacaba o seu traballo no sector audiovisual, e formou parte da directiva da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Xunto a dúas compañeiras, Belén Freijeiro (deseñadora gráfica) e Eva Mejuto (escritora), fundou a súa empresa, con sede en Pontevedra, Capicúa 360. Esta compañía, segundo sinala Gulías, "sempre estivo a disposición da cultura galega". Neste sentido, levou a cabo proxectos tan importantes como a remodelación da praza de abastos de Pontevedra.

López era un namorado da modernidade da cultura e tiña unha especial capacidade para tecer redes con outros e outras profesionais. "Era un imprescindíbel da posta en valor da escena creativa local pontevedresa e de tecer esas alianzas", salienta a concelleira.

Participou, así mesmo, na primeira misión comercial do Concello de Pontevedra, en México, así como na posta en marcha da Placemaking Week, que trouxo a vangarda mundial do urbanismo á cidade do Lérez. Entre outras moitas iniciativas, o proxecto Urbtopías, no marco do cal se desenvolvían xornadas de reflexión sobre urbanismo e o futuro das cidades, tamén levaba a pegada de López.

Defensa da diversidade
Marcos López, que formaba parte de Avante LGBT+, tamén traballaba a prol da igualdade e da diversidade sexual, así como da memoria neste ámbito. Así, a través de Capicúa 360, púxose en marcha o programa Pinto e Maragota, pioneiro na defensa da diversidade sexual tanto na Galiza como no conxunto do Estado español.

De feito, segundo lembra a concelleira de Pontevedra, o único Congreso destinado a educadores e educadoras de diversidade sexual e de xénero realízase na cidade do Lérez, algo que ten o selo de Marcos López, que tamén traballaba na organización dos actos do orgullo LGBT+ e do 25-N.

E TAMÉN…
>
Pesar no nacionalismo galego pola morte do sarriao Marcos López aos 48 anos
Ana Pontón lamentou a perda do que fora o seu compañeiro no BNG de Sarria. O falecido, moi vencellado a Pontevedra nos últimos anos, adicouse ao mundo editorial, audiovisual e foi firme defensor dos dereitos LGBT+.
Santi Delgao | El Progreso, 2024-08-22
https://www.elprogreso.es/articulo/sarria/pesar-nacionalismo-galego-pola-morte/202408221756501780015.html
>
O nacionalismo despide aos sarrián Marcos López, "un compañeiro de luz"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, definiu ao falecido como "unha perso moi especial"
Javier Rivera | El Progreso, 2024-08-24
https://www.elprogreso.es/gl/articulo/sarria/nacionalismo-despide-sarri%C3%A1n-marcos-lopez-companeiro-luz/202408241138201780246.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.