viernes, 23 de agosto de 2024

#hemeroteca #inmemoriam | O rapaz de mirada linda que tamén comía insectos e niños de formiga

Marcos López López //

O rapaz de mirada linda que tamén comía insectos e niños de formiga

En Pontevedra e Sarria chórase a morte repentina e aos 48 anos de Marcos López López, xestor cultural, nacionalista e sobre todo un home que non deixou dúbida da súa xenerosidade
María Hermida | La Voz de Galicia, 2024-08-23
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2024/08/23/rapaz-mirada-linda-tamen-comia-insectos-nidos-formiga/00031724410417498407208.htm

Se a vida, como cantaba Víctor Jara, pode ser eterna en cinco minutos, a morte ás veces non necesita nin sequera ese anaco de tempo para tornarse igualmente perpetua. Chega de súpeto. Sen previo aviso. Sen acuse de recibo. Ocorreu así co finamento de Marcos López López, natural das terras lucenses de Sarria, pero afincado e namorado de Pontevedra, que faleceu esta semana de xeito inesperado aos 48 anos de idade. E a nova do seu pasamento meteuse nos ósos de todos os que o coñecían como se fora a reuma roendo nun día de néboa. Marcos era moitas cousas, dende xestor cultural e a mente creativa que estivo dalgúns detrás deses proxectos municipais que axudaron a converter Pontevedra nun faro de luz, a un defensor dos dereitos das persoas LGBT+. Pero, sobre todo, era un home bo e xeneroso. Así o din estes días os que o coñecían e querían, empezando polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou pola líder do BNG galego, Ana Pontón, amiga de sempre de Marcos. E tamén fala así del un grupo de persoas que viviu con el unha aventura impresionante: a misión comercial organizada polo Concello de Pontevedra para que empresarios da cidade do Lérez estableceran vínculos con México.

Precisamente, como se dunha casualidade tremenda se tratase, hai agora xusto sete anos, nesta mesma semana de agosto de 2017, unha comitiva de Pontevedra partía cara terras mexicanas en misión comercial. Ía o alcalde, a concelleira Anabel Gulías, empresarios de distintos ámbitos, xornalistas e ía tamén Marcos López. El coñecía ben México. Así que era un dos cicerone da expedición. Sen embargo, custaba velo así. Porque Marcos non era de atraer focos. Era formiga traballadora e non cigarra, aínda que sempre estivese ben alegre, cantarín e riseiro. Marcos pasou pola vida como unha desas persoas que está sempre, que dá ideas e que aporta talento sen buscar o aplauso, con discreta elegancia e ollar lindo, lindísimo. «Actor de reparto de Óscar», é a metáfora coa que falaba del o xornalista pontevedrés Carlos Pereiro nestas horas de dor e tristura. Marcos, que tiña unha empresa que colaboraba co Concello pontevedrés, aportou moreas de ideas para que en Pontevedra se falase de urbanismo con conciencia (como o programa Urbtopías) ou era unha das tantas persoas que están na maquinaria para que os premios cinematográficos Feroz miren cara a cidade do Lérez.

Volvendo a México, a aquela viaxe comercial do 2017, aparece un Marcos cheo de vida, un obreiro da ilusión e os proxectos ben feitos. Fixo de todo naquela viaxe para que os empresarios e os xornalistas o tiveran fácil para facer o seu traballo nas terras mexicanas; para que aquel periplo non quedara nos papeis e se traducira en relacións comerciais e institucionais entre xente de aquí e acolá. Fixo que os da cidade do Lérez coñeceran ao economista mexicano Seth, unha desas persoas que abre portas en todos lados e que incluso traballara man a mano co expresidente mexicano Vicente Fox. E tamén participou de momentos inesquecibles, como cando todos os pontevedreses se sentaron á mesa nunha gruta para probar os manxares típicos aparentamente máis difíciles para a nosa cultura, como os gusanos, os niños de formiga e os chapulines, que son os insectos comestibles máis famosos de México. Aí estaba Marcos, con todos, entre todos, vivindo que é xerundio: «É unha das persoas máis inspiradoras e talentosas que coñecín», di a concelleira Anabel Gulías, que compartiu aquela experiencia en México e miles de horas de reunións con el.

Marcos quería que Pontevedra, a cidade á que un día chegou por traballo, da man da editorial Kalandraka, para acabar quedando para sempre no barrio da Moureira, tivese un oco no mundo e pelexou para conseguilo. Tamén quería un mundo máis xusto e tolerante. Máis diverso. E tamén loitou por el. Foi un dos artífices do Orgullo de Pontevedra. Agora é Pontevedra a que fica orgullosa del. Boa viaxe, Marcos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.