miércoles, 3 de julio de 2024

#hemeroteca #transfeminismo | O Orgullo Galego: Laura Bugalho, unha activista incansable que leva media vida na batalla transfeminista

Laura Bugalho //

O Orgullo Galego: Laura Bugalho, unha activista incansable que leva media vida na batalla transfeminista

Foi a primeira sentenza xudicial dunha muller trans en Galicia e estivo a piques de ir a prisión por denunciar a unha mafia na súa loita en Inmigración.
Amanda Fernández | Galicia Confidencial, 2024-07-03
https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/266966-orgullo-galego-laura-bugalho-activista-incansable-leva-media-vida-batalla-transfeminista

O nome de Laura Bugalho é sinónimo loita. Foi a primeira galega trans a nivel de sentenza xudicial nunha época na que tivo que había que ir en contra da Dirección Xeral de Rexistros e Notariado. "Son activista transfeminista e sindicalista", así se identifica, natural de Compostela de 60 anos que leva a metade da súa vida na batalla transfeminista. É mestra e pedagoga, especialista en intervención social e especializada en Inmigración: "A miña vida pasa por inmigración, tanto que estiven a punto de entrar na presa por unha das mafias que denunciei". Desde moi nova estivo ligada á política e encantáballe ir ás manifestacións para loitar contra a inxustiza, así recorda que con 13 anos levou "o primeiro porrazo polos grises" e dixo "se me dades leña, leña vos vou dar eu". Así comezou o seu labor como activista que perdura ata a actualidade.

De onde vén ese espírito? Conta Laura que todo xorde a raíz da súa propia experiencia vivida como muller trans. Cando saíu a súa sentenza en Galicia sentiu que tiña que abrir portas xa con conciencia colectiva, aínda sen coñecer á xente que podería ver. Os inicios aquí supuxeron non atopar un par e ter que ir ata Madrid para reunirse con xente nas mesmas ou en semellantes situacións. "Pensei que as portas que eu ía abrir de aquela, ían ficar entre abertas, cando non, pechábanse tras a miña", manifesta sobre cuestións que considera de dereito e de xustiza para o que non tiveron portas abertas. Sinala como punto de inflexión a dependencia existente da "política gobernante tanto a nivel local, autonómico ou estatal". Unha das portas que se abriu e que con 60 anos Laura valora como unha "utopía cumprida" é que existan asociacións de nais e pais de crianzas trans, como Arelas, Chrysallis ou Euforia. "Somos case 800 familias, as que acompañamos ás crianzas trans en Galicia, que é un número bastante grande", expresa con orgullo.

"Encántalles poñer nome á xente e tratarnos como doentes"
En febreiro de 2023, o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a Lei Trans, unha norma pola que loitaron os colectivos LGTBIQ+ durante anos e neste Orgullo xa houbo algo de marxe para valorala. Laura considera que hai aínda moito que facer: "Falta, nomeadamente, a xente diverxente, a xente axénero, xente que non figura na lei e da que hai unha realidade cualitativamente importante, máis aló de cuantitativamente que non me interesa". Tamén revindica que está toda esa xente moza que antes das leis, polo menos aquí, tiñan menos "problemas a nivel xudicial dos que teñen agora para mudar nome e sexo" porque a lei non entrou a lexislar no tema das crianzas. Ademáis, considera que falta algo fundamental que é o carácter "universal" da norma, xa que a "poboación inmigrante residente aquí está fóra da lei, non se contempla".

Na cuestión das crianzas e no proceso está a derivación a Saúde Mental. Así, establece: "A saúde mental sempre estivo cribando as nosas vidas". Lembra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) durante moito tempo nos DSM, que son os manuais de psiquiatría, sempre os nomeaban como doenza. "Pasamos diso a unha cousa diferente, pero seguimos aparecendo no manual, polo que calquera persoa que loite pola normalidade, por ser unha persoa auténtica pode atoparse reflectida, xa que lles encanta poñer nome a xente e tratarnos como doentes", expón.

Como está a situación actual na loita polos dereitos do colectivo? "Eu aplaudo sempre as melloras, pero temos que recoñecer que existen problemas, como a socialización nos centros de ensino tamén". Así cuestiona á Xunta: "Por máis que dixera fai pouco, nunha reunión no Observatorio Galego de Igualdade, que tiña unha enquisa na que dicía que non había ningún tipo de lesbigaibitransfobia, evidentemente hainas e son situacións moi duras para as crianzas escolarizadas". Considera que se segue andando o camiño, expresa que non está ao 100% contenta coa realidade, pero que hai que ollar cara atrás e tamén cara a outras latitudes e traballar localmente pensando globalmente: "Noutras latitudes chegar a miña idade sería imposible pola agresión".

Se tivese que dar un consello á mocidade sinala que que se sintan, que busquen a felicidade e que se apoien nas asociacións, que existen na xeografía galega "entre iguais con nenos, nenas, nenes que xa estean camiñando". É consciente pola súa experiencia que os primeiros pasos non son doados e que non sempre existe o apoio familiar, pero que as asociacións están aí. "Dinme que son a avoa destas crianzas", conta con honra.

"Moitas Lauras precisa este país"
Mencionar a frase "Moitas Lauras precisa este país", recórdalle, tal e como nos traslada, á campaña inmensa internacional que houbo de solidariedade, non só con ela, senón con todas as loitas, que ela personalmente levou. "Pensemos que a rede transfeminista xurdiu ao principio sumando palabras, era a rede trans, marica, bollo, puta, inmigrante, que despois tamén eramos capacitistas a favor dunha sexualidade, dunha aceptación da sexualidade, das persoas con capacidades diferentes, así din no Uruguai, que me gusta máis que a terminoloxía que hai por aquí en Europa", expresa. Esa frase faina viaxar a eses nove anos "intensos", sete ante o xuízo e o resto que se prolongou ata que lle caducaron os "antecedentes penais", durante uns tres anos.

Fora a decimonovena mafia que denunciara e foi "bestial". Así o relata Laura; "Nunca unha rede é dun único país, sempre teñen pés aquí tamén na nosa terra, tratábase dunha rede inmensa con 39 empresas, viceconsulados de España en Casablanca, había xente da policía de extranxería metida... Foron 78 marroquíes, homes todos, aos que acompañei a recuperar os 10.000 que lles cobraran por vir aquí, nas condicións de desamparado e desacougo".

Nas reivindicacións a nivel de inmigración sinala como utopía que "igual poida ser nalgún momento", o derogar a Lei de Extranxería, a lei orgánica 4/2000: "Se a xente realmente coñecera o contido e os regulamentos posteriores que se fixeron, veria a xenofobia en estado puro". Como exemplo destaca o que é dicirlle á xente extranxeira que acaba de chegar que ten que agardar tres anos para poder obter a autorización de residencia e traballo e "sometelas aos abusos da patronal, que é o que acontece". Desta forma manifesta: "Quen chega aos tres anos tería que levar unha medalla de ouro porque non é doado estar sen papeis e facer unha vida digna"

Queda claro quen é Laura e cales son os seus principios. Como reflexión final considera que é compañeira sempre de toda esa xente que se atopa nas marxes: "Algo que non sabe a sociedade é que nas marxes da sociedade a comunicación é moito máis limpa, máis rápida e sincera. Non queremos ocupar o centro da decisión, pero si que conten con nós polo menos para opinar en pé de igualdade". A súa inspiración recae nas transfeministas, en todas as feministas que construíron un feminismo moito "máis aberto, máis inclusivo, un feminismo que entende que a loita é unha loita social que xorde evidentemente das condicións que históricamente tiveron as mulleres". Conclúe que se suman todas esas loitas serán quen de, tal e como dicían no Foro Social Mundial en Porto Alegre, facer "un outro mundo posíbel".

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.